Monday 13 de May de 2024

Rueda resalta o compromiso da Xunta cunha administración da Xustiza moderna e eficiente ao realizar no 2023 melloras neste eido


— Recorda as inversións adxudicadas en Galicia para que a xustiza ofreza un servizo eficaz aos cidadáns

— Ofreceu todo o apoio do Goberno galego aos retos que se lle presentan ao Ministerio Fiscal

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou o compromiso do Goberno galego cunha Administración da Xustiza moderna e eficiente ao realizar no 2023 melloras neste eido.

Na celebración do 40º aniversario do Estatuto Orgánico do Ministerio Fiscal no Pazo de Mariñán, en Bergondo, o titular do Goberno galego felicitou aos fiscais polo seu traballo nestes catro decenios para asentar a democracia en España. Como o Estatuto Orgánico do Ministerio Fiscal, tamén o Estatuto de Galicia, vén de celebrar os 40 anos de existencia, e ambos emanan da Carta Magna e da aposta por un Estado de Dereito democrático e moderno.

Alfonso Rueda subliñou que a efeméride anima a facer balance destes anos e a renovar o deber das institucións democráticas coa cidadanía; neste caso, tanto as instancias xudiciais como os gobernos autonómicos, obrigados a “dotar aos fiscais que exercen en Galicia dos medios suficientes para que poidan exercer a súa labor con garantías”.

Rueda remarcou como se foi avanzando sempre tendo en conta as opinións dos membros do Ministerio Fiscal na implantación das ferramentas necesarias como é o caso de novos edificios e o aumento de prazas de funcionarios.

Durante a súa intervención, o presidente ofreceu todo o apoio do Goberno galego aos retos que se lle presentan ao Ministerio Fiscal na obriga que ten, como calquera outra institución pública, de actualizarse e revisarse para ofrecer aos cidadáns os servizos que precisan.